Yolanda Castaño

Manuel Suárez quere esquecelo todo.

Poñer os ollos e a mente en lenzo e debruzarse na materia ata
desvariar de acrílico. Todo bébedo de verde. Pupilas e mans borrachas
de trementina.

Quere esquecer as xemas, os tratos e a estrataxema. Quere
desaprender as trabas, todas as tribos e ata os trebóns. Volver e
desandar os pasos coma se nada tivese queimado as plantas. Coma se
o calo non se esfumase, pero aprendese xa como esquecer.

Quere ata o final embebedarse Manuel Suárez. Facer coma de quen
que non. Que non houbo os bastóns e as atracadas, as suores e o
puñal.

A mente en lenzo; os ollos rasos. Borracho de rosa e trementina. El
quere esquecelo todo. Quere embebedarse ata o principio.

Só vin ver o xardín . Onde todo o demais desaparece. Regresar á
candidez de Freder case aborrecidos de lecer. Onde non alcanza a
roda, o sacrificio. Os élitros da elite non están feitos para voar. Os
élitros da elite fixéronse para protexer. Así que quedemos aquí, coma
se fose horizontal. Só viñemos ver o xardín. Coma se fose para
sempre.

O músculo e o musgo, o lique e o pigmento. Unha botánica detida
dentro dun lecer eterno. Freder perseguindo esa beleza sen perseguir.
Entreténdose dese xeito apenas aburrido. Deixándose marchar.
Volvendo esquecer. E unha carriza que aflora coma pigmento en po
polas suturas. Esporas. Anemones. Pero… recórdame: que viñera eu
facer aquí? Nada máis nin nada menos.
Só viñeches ver o xardín.

Non quere atrezzos nin simulacros. Non quere Manuel Suárez correr
na dirección oposta ao golpe. Tan só anestesiar entre cores a
memoria da contusión.

Que todo cale. Que a pel non saiba. Regresar ao xardín da tabulla en
branco. Meterse a que lle chorree enriba toda a embriaguez das
coladas e as resinas. Emborracharse ata o principio. Ata volver crer.

Trouxeches a ferida pero levaches a cicatriz. Era unha pel ignífuga,
nada parecía poñela en garda. Veladura tras veladura para o secreto
proceso de desvelar. Todo desandaba; desaprendía. As sílabas
descolgábanse de cada un dos seus acentos. Así pasaba a ese xardín
eterno; de cara cara cada dor, cada caricia. Sen simulacros.
Canto máis desprotexida semellaba máis afouta. Leváchesnos o
vestido pero deixáchesnos posta a nudez.

Un nenúfar suspendido no tempo. Así de incorruptible. Unha paisaxe
aboiando no camiño que se desandou.

Regresar con estes calos a onde nada nos queime as plantas. Con
este fervor nas veas que encare cada paso con idéntica excitación.
Que cada imperativa certeza se nos mate antes de tempo. Que nos
atrape cada propio xesto da nosa man.

Hai que desouvir cada ignota receita da resina. Cada golpe, cada
pluma, cada mapa recitado no pupitre en voz ben alta. Ao fin e ao
cabo é a xenealoxía dunha ebriedade. Ata esquecelo todo. Mais sen
deixar de saber.

Así se entra a este xardín de serenos sobresaltos. Vestidas de nudez,
sen cicatrices. Calzando nos pés as pegadas de regresar, xusto para
volver
a onde non estivemos nunca.

Mesmo se algunhas follas e flores entoan tamén a cántiga da
podremia, a escalinata pola que se descolgan ten o brillo da pureza.
Sábese que por máis que os seus hábitos se corrompan, non deixan
nunca de tender á excitación.

Fan coma de quen que ignoran. Borrachas de rosa e de aguarrás.
Tremendo do que se anticipan. Pero os seus pasos coñecen e
adéntranse sen unha sombra. Coma se cargaren consigo cada camiño
andado, en lugar de pesar, os fixese máis lixeiros.

Debrúzanse na materia, sabios no seu desvariar. Embebedados de
ganas e tinta chinesa. Para descolgar do seu acento cada sílaba
aprendida. Para esquecelo todo dunha vez.

Os pés cos que camiña Manuel neste xardín teñen a pel ignífuga nas
plantas. Calosa e alada. Ebria de pureza.
Parécese un pouco a Freder. El só viña percorrer sen perseguir.

Das plantas coas que entra Manuel Suarez neste xardín non sería
doado despegarmos as pegadas. Cada inocente paso dos camiños que
andou. Se imos trazando neles a xenealoxía do esquecemento
remontaremos tamén os bastóns e as atracadas. Pero é hora de
levantarmos as copas e esquecer.

Das plantas que podrecen debruzadas por este campo sería doado
darlle lustre á pureza coa que insisten en cantar. Teñen élitros as
flores. Non voan pero protexen. Creo que soñan con quedar aquí.

Pregúntase Manuel se puidera ser a visión un acto irreversible.

Nos pasos que sempre apuntan adiante, mesmo se regresan. Nas
veladuras finísimas da mirada de E.

Esquecer as cousas para desmirar.

Podo ver unha escalinata neste xardín. Escóitala? É unha escalinata
sen marcha atrás.

Non se lle coñece o termo, anúbrase o seu sentido. Todo é un subir
sen saber sobre a caída. Non se pode tirar das rendas dunha fervenza.
Mesmo nas sendas que regresan queda atrás o calcañar. Pasar os
ríos, pasar pantallas. Manuel cruzou a outros lados e levou consigo as
beiras. A ganancia do trazo non é reversible.

Só quere meterse dentro, onde os óleos o embebeden. Só quere que,
ao fregarse os ollos, volva aparecer o azul de cando neno.
A luz na mirada e os calos nas mans.

Manuel Suárez quere esquecelo todo. Regresar a ese xerme fóra da
polis , a esa pura detención botánica. Suspendida horizontal.
Non deixar que a súa pel evite a labazada, desaprender apenas a
memoria da contusión.

É verxel ou invernadoiro? Ten límites difusos ou paredes de cristal?
Está dentro de todo e fóra de nada. Un xardín sen bordos e sen freo.

Porque non se pode tirar das rendas dunha fervenza. Non é reversible
a mirada nin o trazo. Como a présa dos epóxidos non pode volverse
derreter. Fragua a man, tamén os pasos baixo a capa borracha das
plantas dos pés.

Un xardín encapsulado. Unha eternidade reverdece entre a resina.

Como se comportan os corpos dentro desta ebriedade en porcelanato;
detidos como nun vidro líquido imposible de desfraguar?

Hainos en auga e en terra e aire. Suspendidos á marxe da
estrataxema; coa mente en lenzo, cos ollos rasos. Cada un debe
desandar o seu medio. Atopar o seu lugar. Borrar os rastros e levar
consigo todos os pasos da camiñada.

Ao fin e ao cabo é o lecer perpetuo de quen só viñera ver o xardín.

Hai corpos inertes e tamén criaturas. Afloran liques e mais pigmentos.
Medran relampos, raios rosados. Barras e musgos. Azul. Poliester.

Serpean entre o xardín botánico e sáltanlle aos ollos a Manuel.
Pero el xa sabe que cada paso ten unha marcha irreversible. E por iso
se debruza sobre os alcohois azuis das tintas. Borracho de acrílico e
trementina.

Un limbo encapsulado é xusto así.

Que todo cale, que a pel non saiba. Desouvir trilos, trucos, tremores.
Que só falen as tintas e un polímero como cristal. Sen freos de ningún
mundo. Sen bordos, sen simulacros.
Canto máis desprotexida resólvese máis afouta. Coma se alguén
deixase a experiencia do golpe pero levase consigo a cicatriz.

Así convida Freder a entrarmos no seu botánico. Camiñando a un
mesmo tempo a beira da inocencia e da tentación. Cos pés dunha pel
capaz de que nada os poña en garda. Coas sílabas derramándoselle
por todos os acentos.

Nada menos e nada máis.

Coa ansia de regresar a onde non estivo nunca, Manuel fregou os
ollos para volverlles sacar o azul do candor.
Sabía. Pero non lembraba. Cos seus dedos desescribía cada receita
dun limbo acrílico. As certezas podrecían coma pétalos oxidados.
Despregaba os brazos mornos un decadente verxel. Corpos en auga,
en terra, en aire. Quietudes, criaturas, suspendidas nun vidro líquido
imposible de desfraguar.

Se non se pode tirar das rendas dunha amañecida, emborrachémonos
ata o principio de todas as madrugadas.

Se a cápsula deste xardín está dentro de todo e fóra de nada,
fagamos coma se se fixesen luces inéditas a cada vez.

Nós tampouco viñemos máis que ver o xardín.
Regáchesnos de óleos mentres pasabamos dentro e tamén morremos
contigo por lograr esquecelo todo.

Amarelos e poliéster. Ebriedade en porcelanato. As veas xa escintilan
coa exacta excitación.

Despegamos os pasos pero os calos, intactos, levan anos sabendo
como camiñar por estes lenzos.
Imos soñar con forza que borramos dos ollos antigas miradas. Na
escalinata vamos sen medo. Cruzamos da túa man pantallas e
queimamos tras de nós todas as pontes. Imos destrenzar devagar
cada estúpida lembranza. Encapsular esa ardente espera nun edén
como en suspenso.

Esquecer todas as chagas e esperar borrachos a amañecida.
Por iso levantamos as copas, Manuel, e brindamos contigo
polas ganas e a trementina. Pola cándida adolescencia.

Yolanda Castaño
xuño 2021